Thursday 02 de May de 2024

A Xunta apoia 15 proxectos de investigación galegos para dar resposta á pandemia por Covid-19


Cunha axuda total de preto de 3M€, apoiaranse nove iniciativas de fundacións sanitarias e seis de universidades galegas que investigarán a caracterización clínica e biolóxica da enfermidade, técnicas de diagnose virolóxica rápida, terapias innovadoras e a análise masiva de datos orientados ao control epidemiolóxico

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a concesión de preto de 3M€ a 15 proxectos de investigación galegos centrados en avanzar na loita contra a covid-19.
Trátase da resolución dunha nova liña de axudas convocada co obxectivo de recuperar e apoiar aqueles proxectos galegos científicos excelentes que se presentaran á convocatoria realizada polo Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e que, a pesar de conseguir unha avaliación positiva, non obtiveron financiamento por esgotamento de crédito. Estas iniciativas medíronse con máis de 1400 expresións de interese na convocatoria do ISCIII.
En total, recibirán apoio nove iniciativas de fundacións de investigación sanitaria (cinco da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, dúas da Fundación Profesor Novoa Santos, e dúas da Fundación Biomédica Galicia Sur) e seis proxectos das universidades galegas (catro da Universidade de Santiago de Compostela e dous da Universidade da Coruña).
Cun orzamento total de preto de 3M€, desenvolverán iniciativas relacionadas coa caracterización clínica e biolóxica da enfermidade, técnicas de diagnose virolóxica rápida, terapias innovadoras e análise masiva de datos orientados ao control epidemiolóxico. As axudas teñen unha intensidade do 100% e os proxectos deberán estar rematados antes do 30 de setembro de 2022.
Esta nova orde de axudas da Axencia Galega de Innovación (Gain) inscríbese nas medidas adoptadas para dar resposta á crise sanitaria provocada pola pandemia por covid-19 e demostra que Galicia ten capacidade científica para avanzar na investigación sobre a enfermidade. Ademais, esta liña de axudas contribúe á consolidación de talento en Galicia a través da contratación de 43 investigadores/as.

Sumando estes 15 proxectos, o Goberno galego está destinando ao redor de 14M€ en actuacións de apoio aos organismos de investigación galegos no eido da investigación e a innovación para avanzar na busca de medidas de protección da saúde das persoas e de contención da propagación da enfermidade. Entre estas actuacións, cabe destacar o apoio de oito solucións innovadoras promovidas por pemes e universidades galegas transferibles ao sector da saúde, da industria e do comercio; a nova aceleradora de pemes innovadoras Connect-19, especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19 que está desenvolvendo 20 proxectos; a colaboración co primeiro hackaton virtual o pasado mes de xuño para crear solucións innovadoras que axuden ao tecido empresarial galego a adaptarse á nova realidade; a extensión en seis meses dos contratos a investigadores predoutorias e posdoutorais; o convenio coas universidades galegas para darlles apoio nas medidas de reforzo e mellora da investigación e docencia; ou as axudas destinadas a proxectos de investigación sanitaria do programa Translaciona covid-19.
Deste xeito, a Xunta segue avanzando no Plan de reactivación económica, consolidando a súa aposta pola I+D+i e por un novo modelo industrial como a mellor fórmula para recuperar a actividade das nosas pemes e organismos de investigación e coñecemento, fixar tecido industrial, gañar competitividade e crear postos de traballo de calidade.